“Este é un deporte de convivencia”

26/10/2018
“Este é un deporte de convivencia”

Entusiastas e apaixonadas do mar.

 

Xiana e Alba, 14 e 15 anos. Así son as futuras traiñeiras do Club Sociedad Deportiva Tirán.

Alba leva desde os 9 anos no club. Apuntouse porque o seu irmán tamén forma parte do equipo e este animouna para que se unise.

Para Xiana, a tradición tamén lle vén de familia, xa que o seu pai foi remeiro e adestrador e ela sempre quixo seguir os seus pasos. Aínda que o que a axudou a acabar de decidirse e animarse a entrar no equipo foi que Alba acababa de entrar e esta axudouna ao principio e foille ensinando. “O que son sono por ela”.

“Este é un deporte de convivencia”. Forman practicamente unha familia: o equipo e o mar. E é que, “hai cousas que o mar che dá e que outros deportes non che poden dar”.

Alba antes era remeira pero agora, grazas á súa curiosidade e desenvoltura é patroa; practica batel, traiñeiriña e, xunto con Xiana, “aspiran a ser traiñeiras”.

Para elas o fundamental é animar moito e estar moi pendente do mar, saber como coller unha onda ou amurala.