O Cortizo emula a Twickenham

18/05/2018
O Cortizo emula a Twickenham

Vigo e CRAT conquistan a Copa Xunta no torneo que se xogou no municipal lalinense.

 

O Manuel Anxo Cortizo converteuse onte por unhas horas nunha especie de Twickenham á galega coa celebración da Copa Xunta no formato Seven. O municipal lalinense acolleu un total de 34 encontros disputados tanto no campo de herba natural coma no sintético en horario de mañá e tarde, coa participación de nove clubs galegos. Finalmente, o Kaleido Universidade de Vigo en categoría sénior masculina, e o CRAT A Coruña na competición feminina, proclamáronse vencedores. O Coreti feminino foi terceiro, mentres que os “abellóns” foron cuartos.

Un total de 216 xogadores de ambos os dous sexos converteron onte o Manuel Anxo Cortizo na Catedral do rugby autonómico a imaxe e semellanza do situado ao suroeste de Londres, onde se atopa o Museo Mundial do deporte do oval. O bo tempo acompañou durante a celebración da Copa Xunta sénior, Sub 16 e Sub 14 que ofreceu ata 34 partidos distintos en horario de mañá e tarde. Vigo e A Coruña levaron a palma na máxima categoría, mentres que o Coreti Rugby Lalín, anfitrión da cita deportiva, estivo a piques de acariciar o título tanto na categoría masculina coma feminina.

O palmarés definitivo da Copa Xunta de 2018, na categoría sénior masculina, estivo encabezado polo Kaleido Universidade de Vigo, seguido polo CRAT coruñés, que finalizou o torneo na segunda posición. Terceiro foi o equipo A do Campus Ourense, cuarto o VII “abellón”, quinto o Pontevedra Rugby, sexto o Barbanza Rugby e sétimo o conxunto filial do cadro ourensán. Mentres, a competición sénior feminina foi dominada polo CRAT herculino, por diante do Rugby Ferrol e as “abelloas”, que remataron en terceira posición por diante do Campus Ourense, último clasificado.

A Copa Xunta tamén elixiu onte os mellores conxuntos galegos de categoría base. Nesta ocasión, Vigo e Pontevedra foron as localidades que alzaron os respectivos trofeos despois dunha acendida competición. En categoría Sub 14, a vitoria foi para o Kaleido Universidade de Vigo, seguido de Muralla Rugby e Os Ingleses. En Sub 16, pola súa banda, o Pontevedra Rugby alzouse co trofeo, quedando o Kaleido en segunda posición e terceiro o CRAT.

Numeroso público reuniuse durante a celebración do torneo copeiro, cuxa cerimonia de entrega de trofeos contou coa presenza de, entre outros, o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, o edil de Deportes, Nicolás González Casares, e a ex-xogadora internacional “abelloa”, que entregaron algúns dos galardóns. Álex Ferradás, presidente do Coreti Rugby Lalín, exerceu de mestre de cerimonias nun acto que concluíu co tradicional terceiro tempo entre todos os presentes, que tivo lugar na cantina habilitada para a ocasión no municipal lalinense. O ambiente de camaradaría que sempre acompaña o tradicional broche de ouro dos encontros de rugby foi a tónica dominante.

 

Ligazón noticia: http://www.farodevigo.es/deportes/deza/2018/05/18/cortizo-emula-twickenham/1893756.html 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *