Éxito deportivo, sostibilidade económica

21/06/2018
Éxito deportivo, sostibilidade económica

O Balonmán Porriño ten na canteira e na estabilidade financeira os alicerces que rexen o seu funcionamento.

 

A historia do Balonmán Porriño remóntase a tres décadas atrás. Foi en 1987 cando se puxo en marcha un club que tomaba o testemuño de entidades anteriores que quedaran polo camiño. E foi precisamente ese ano cando un neno chamado Abel Estévez se internou na disciplina. Estaba no seu colexio de Mos cando responsables do incipiente Balonmán Porriño realizaron na escola xornadas de captación. «Naquel momento non había moita oferta deportiva. O presidente, Julio Gilsanz, foi facer a actividade, comecei o primeiro ano non colexio e xa pasamos ás escolas municipais do Porriño ao curso seguinte, empezando nos equipos federados».

Aí arranca o vínculo co balonmán do home que a día de hoxe preside o club, coordina os equipos femininos e exerce como adestrador do cadro de División de Honor. E o que faga falta.

Durante os últimos trinta anos o club do Porriño converteuse nun referente a base de traballo serio e apostas firmes. No seu momento priorizou o deporte feminino de elite fronte ao masculino e o tempo bendiciu a súa decisión. Hoxe, quince equipos (8 femininos e 7 masculinos), 200 licenzas e outros 200 nenos repartidos polas escolas deportivas de Mos, O Porriño e Ponteareas, viven o balonmán a través do club porriñés. Alcanzar tales cotas esixe tempo e esforzo, comezando por atraer practicantes, unha tarefa que se realiza sobre todo mediante xornadas de captación nos colexios.

“Para nós é fundamental o traballo de escolas porque cando o facemos ben, temos moitos rapaces na base e iso repercute para que o club funcione mellor”, explica Abel. Enganchar os nenos na pista é clave, do mesmo xeito que o é que gocen desde as bancadas. Nese sentido, as invitacións aos integrantes da escola para que vexan os equipos de elite convertéronse noutro foco de atracción.

Traballo e contas

O sistema do traballo no Balonmán Porriño é sinxelo e directo. “Este ano iniciamos con nenos de cinco anos. Nas primeiras fases, ata que van aos equipos federados, busca unha actividade non orientada tanto ao balonmán, senón máis lúdica, predeporte, xogando a minibalonmán, e unha vez que chegan ao club, a través da Federación Galega participan en competicións de ámbito provincial e autonómico a partir de infantil”. Despois, é a propia competición a que vai marcando os camiños. “En xuvenil xa tentamos orientar a xente de rendemento. Por exemplo, algunha xuvenil xa está adestrando todo ou ano con división de honra, e o mesmo pasa no equipo masculino. A xente que quere ser profesional ten que ter un volume moito máis alto de adestramentos”, receita o preparador.

Para xestionar toda a armazón, unha vintena de adestradores e monitores e mais a directiva nas tarefas administrativas reparten o traballo.

O buque insignia do club porriñés é o equipo de División de Honor feminina, a proba de que o camiño que se seguiu nos últimos anos foi o axeitado. “Fala ben do que fixemos en tempos anteriores a nivel deportivo e premia a estabilidade económica, que creo que estamos logrando pouco a pouco, pensando ben os pasos a seguir”, di Abel. Para o presidente do Balonmán Porriño, que o club sexa sostible é fundamental e non hai lugar para experimentos. “Creo que estamos facendo as cousas ben e aínda que houbo fitos aos que houbo que renunciar, por exemplo cando tivemos que dicir non a competir en Europa por temas económicos, déronse os pasos adecuados para que haxa estabilidade“. O piar de todo.

 

Ligazón noticia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/o-porrino/2018/05/21/presidente-entrenador-balonman-porrinoexito-deportivo-sostenibilidad-economica/0003_201805V21C8991.htm

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *